Just another WordPress.com site

Na sesión do pasado trece de abril  e tras ver o documental, Manufacturing consent: Noam Chomsky y los medios de comunicación, tivemos que reflexionar cal era a opinión deste reputado lingüista e de Karl Meyer,  redactor xefe de The New York Times, acerca de se existe manipulación ou conspiración nos medios de comunicación en canto á información que nos transmiten.

O primeiro deles, férreo activista político, considera que nas sociedades democráticas se dá un control do pensamento e que tanto a prensa, como a televisión, marcan a pauta a respecto do tipo de información que chega ó público. O propio título resulta suxestivo de por si. Chomsky presenta a fabricación do consentimento como unha revolución na práctica da democracia, o que vén a ser unha técnica de control.

Incluso ó principio fai unha chanza sobre o xeito en que el mesmo é presentado por The New York Times como o intelectual vivo máis importante; comentario que por outra parte, confesa que se debe á propaganda publicitaria da editorial. Curiosamente, liñas despois engade o xornal que non é de crer que, sendo o pensador contemporáneo de maior renome, escriba cousas tan terribles sobre a política exterior americana.

Chomsky apela ó sentido común e confía no cidadán para defender a verdade, comenta que a xente ten a capacidade de ver a través do engano pero que no entanto, o adoutrinamento xoga un papel moi relevante en tanto que se articula como a esencia da democracia. El considera que a manipulación se dá a partir da selección que se realiza dos temas e como estes se enmarcan, da filtración da información, do xeito en que se axustan os debates a certos límites… e todo isto co firme propósito de servir os intereses da elite social. Manifesta que a xente con poder non permitirá que o país escape ó seu control e este exercerase limitando a capacidade de pensar para apartar a xente dos asuntos importantes.

Chama especialmente a atención como Chomsky desenganaba a un mozo que traballaba na prensa estudantil sobre o feito de que se este rompe as convencións, o tecido empresarial estará enriba del e posiblemente ninguén lle preste atención.

Pola súa banda, Karl Meyer, aparentemente convencido (a xulgar polas imaxes que aparecen no documental) non cre que haxa manipulación nin conspiración. De feito, as decisións importantes sobre que publicar e o que non, tómanse de xeito trivial.

Sinala que, debido á presión pola falta de tempo para sacar as cousas, recorren a unha sorte de atallo e engade que ó igual que outros profesionais que asumen funcións complexas, teñen limitacións, pois non se trata dunha institución perfecta. Poida que estivera no certo, pois como sinala Lorenzo Gomis nun dos capítulos do libro, Medios de comunicación.  Información, espectáculo, manipulación (Navarra: Verbo Divino, 2004, p. 168-169), as persoas que seleccionan as noticias nas canles de televisión, nos xornais, etc.  […] teñen que decidir en segundos o que segue adiante ou sae fóra, o que se publica ou o que se manda ó lixo. E nestes segundos tómase  a decisión  […] porque hai moito traballo e este concéntrase en pouco tempo. O xornal ten unha hora de peche, e tamén as redaccións de radio e televisión e, polo tanto, chega un momento no que se decide a conformación definitiva da noticia. Este proceso tan drástico non sempre é comprendido, e é lóxico que non sexa entendido xeralmente polo lector.

Karl Meyer fai alusión a Reed Irvine que si ve isto como unha conspiración de extremistas de esquerdas lanzando ideas liberais, tanto sobre asuntos nacionais como internacionais ó pobo americano.

O redactor xefe engade que se un colle as teorías que Chomsky  propón, crería que hai unha conspiración tácita entre a prensa establecida e o goberno de Washington para centrarse en determinados asuntos e ignorar certos temas; é dicir, que hai un esforzo deliberado por suprimir unha parte da historia. O que acontece, di K. Meyer,  é que tanto Chomsky como os demais analistas de prensa, nunca traballaron nun xornal e  non saben como funciona.

Pecha o documental a figura de Chomsky sentenciando que os medios de comunicación o que fan é asegurarse de que non asumamos a nosa responsabilidade e que os intereses do poder se vexan satisfeitos.

Alberto Moncada, no seu libro, Manipulación mediática. Educar, informar o entretener (Madrid: Libertarias, 2000, p. 51) tamén fai mención a Chomsky e engade que unha noticia é o resultado dunha serie de negociacións (explícitas ou implícitas) entre as distintas partes que entran en xogo. Tamén sinala a importancia que ten a publicidade (no documental vimos que os anuncios ocupan de media unhas vinte páxinas). E é que o principal obxectivo da publicidade é «satisfacer principalmente a quen  paga a información e isto préstase tanto á manipulación como á ocultación» (pp. 51-52).

Así mesmo A. Moncada (2000, pp. 57-58) ofrécenos o seguinte exemplo no que The New York Times tivo un papel significativo na súa “intervención”:

«Como é sabido, o estado de saúde dos americanos depende do estado do seu peto […]. A saúde está controlada por compañías de seguros que gastaron millóns de dólares en crucificar o proxecto de lei que preparou Hillary Clinton e que non era senón unha modesta reforma da situación sanitaria existente.

Xornais tan importantes como The New York Times e case todas as emisoras de televisión e de radio presentaron como inviable o proxecto alternativo apoiado polo 60% das enquisas e por máis de oitenta congresistas e que propón crear unha seguridade social á europea […]. Os medios de comunicación máis importantes manipularon a discusión pública, silenciando o proxecto alternativo e organizando debates televisivos con representantes das distintas versións do modelo comercial de tal xeito que os defensores do proxecto alternativo tiveron que expoñer os seus puntos de vista en medios marxinais. Algunhas emisoras de televisión, algúns xornais que inserían publicidade do modelo comercial de saúde negábanse a admitir publicidade do alternativo e a tanto chegou a cousa que houbo unha manifestación fronte ás oficinas de The New York Times para protestar polo conflito de intereses existente no xornal. E é que catro dos doce conselleiros da empresa propietaria do periódico, tamén o son de empresas de seguros de saúde».

Visto isto, a unha só lle queda engadir como sentenciara alguén acerca da prensa «do que aparece nos xornais, unicamente me fío do que poñen as notas necrolóxicas».

Vaia de exemplo esta viñeta que alude á polémica que se suscitara na que o xefe superior de policía na Comunidade Valenciana consideraba ós estudantes que se estaban manifestando como “o inimigo”.

Noelia.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s

%d bloggers like this: